Habelas, hainas: mulleres nas matemáticas.
Mª Teresa Valdecantos
Preguntádelle a calquera persoa cántos matemáticos coñece; como moito mencionará a Pitágoras, a Newton, e pouco máis. Si se houbera preguntado por pintores, escritores ... o abanico houbera sido moito máis amplo. Se os grandes como Gauss, Leibniz, Euler son descoñecidos, ¿é de estrañar que o sexan as mulleres matemáticas nunha historia escrita e rexida por homes?.
Teoremas, métodos e incluso números teñen nomes de grandes homes das matemáticas. Dentro da educación matemática deberíamos de integrar a historia cos nomes ¿quén era Ruffini?, ¿Tartaglia chamabase así? E, dentro da coeducación, debemos buscar a obra feminina, porque a hai. Se non o facemos, o currículo oculto di aos nosos estudantes que crear matemáticas ... é cousa de homes.
Pode que parte do que conte vos sexa coñecido, pero debo recoñecer que nomes como Hipatia ou Chatelet eran para min totalmente estraños ata que, nun congreso nacional de Lugo de 1999, merquei o libro Matemática es nombre de mujer de Susana Mataix. A partir desa lectura traballei cos meus alumnos e busquei pola miña conta rastros e pistas sobre o lado feminino das matemáticas e ¡é sorprendente o que podemos encontrar!
Tendo en conta que vou a terra de María Wonenburger sería unha ousadía afondar en biografías ou en ningunha obra; as persoas que dedican seu tempo libre a perfeccionarse no seu traballo saben onde buscar; solo pretendo dar referencias e reflexionar entre todas e todos en qué parte das nosas explicacións de aula están elas.
E claro, dentro do tremendo elenco de mulleres matemáticas teño que seleccionar dunha maneira bastante persoal a unhas cantas. Non teñen por qué ser as máis representativas ni as que máis gusten; simplemente é que despois de once anos de charlar con elas, teño as miñas preferidas.