Xem1+1 (2011)
Equidade e comunicación
“Equidad y Enseñanza de las Matemáticas” é o título dun libro que recolle colaboracións de investigadores de primeira liña para examinar o problema da equidade dende o punto de vista da Educación Matemática. Nese marco queremos encadrar dende a nosa Facultade a contribución de catro conferenciantes, os cales, dende diferentes ámbitos de experiencia, traballan pola Educación facendo moi presente nas súas aulas a equidade e a comunicación.
Con estas II Xornadas de Educación Matemática seguimos a afondar nas diversas facetas da Educación, e en particular da Educación Matemática, intentando presentar unhas facetas que dende as aulas da universidade son difíciles de apreciar mais son fundamentais para a formación dos nosos estudantes, futuras mestras e mestres. Ademais tamén seguen a ser unha ponte entre a formación inicial e a formación en servizo, entre a materia Matemáticas e as demais materias do currículo e entre a escola e a sociedade.
Estas Xornadas pretenden ser un servizo á Sociedade. Comezando por ofrecer estes catro días de conferencias, obradoiros e mesas redondas aos estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e da Universidade da Coruña, non queremos limitarnos a eles e por esa razón queremos abrir as Xornadas aos mestres e profesores de Educación Infantil, de Educación Primaria e de Educación Secundaria e a todas as persoas preocupadas pola Educación, non soamente coa Educación Matemática.